Esta excursión xurdiu como consecuencia da lectura da novela Maxina, de Marcial Valadares. A acción desta novela desenvólvese na comarca da Ulla e no Pico Sagro e, precisamente, ao pe da capela de san Sebastián, na sombra de dúas sobreiras, é onde ten lugar o momento culminante do relato co desenredo do nó da trama da novela.

Por causas alleas, esta visita non se puido levar a cabo no intre da lectura, que foi no curso pasado, e organizouse co comezo deste na escola e asemade do Club de lectura 5.1.

Así que o día 23 de novembro, ás 9.30 h., embarcamos no bus sobre unhas cincuenta persoas cara a esas fermosas terras e co obxectivo de subirmos ao famoso e mítico Pico Sagro na compaña dun sol radiante.

No miradoiro de Gundián (foto: Rosa)

A primeira parada tivo lugar no concello de Vedra para recoller o guía, Henrique Neira, xornalista e bo coñecedor de toda a comarca da Ulla e sermos recibidos polo concelleiro de cultura que nos obsequiou cunha entusiasta disertación sobre a importancia do patrimonio natural que ten como eixe principal o río Ulla, a arquitectura representada por pazos e casas grandes, sen esquecer a relacionada coa auga, reflectida nas diversas pontes que cruzan o río e os muíños. Tamén nos falou do amplo abano de actividades tanto deportivas, socias, culturais, como das festas gastronómicas e patronais. Nunha palabra, coido que vendeu moi ben os atractivos da súa localidade e eu quedei con gana de coñecer en máis profundidade a zona. Ah, esquecíame, tivo a xentileza de ter preparados uns sobres con folletos para todos os participantes.

Ao pé do pazo de Galegos (foto: Henrique)


Despois da recollida de tanta información, comezamos o noso periplo polos diversos lugares que iamos visitar coa inestimable compaña de Henrique, que nos foi contando a historia e anécdotas de cada lugar.

Onda a cepa vella (foto: Gerardo)

O primeiro lugar visitado foi A Ponte Ulla. Nesta localidade demos un paseo pola ponte ata a igrexa de santa Madalena, que conserva unha ábsida románica, e informounos de que a rúa principal ten o nome en homenaxe ao mestre que preparaba os rapaces para a emigración.

A seguir fomos ao miradoiro de Gundián, situado a 50 m do nivel do río, que nos permite unha visión espectacular da ponte do ferrocarril ou tamén chamado ponte Lola por estar nas vigas de ferro este nome gravado por parte dun operario namorado de dita rapaza da aldea, anécdota contada polo guía. Debaixo da ponte está a cova de san Xoán. No mesmo lugar vese o viaduto do AVE, o máis alto de Europa e obra de grande enxeñaría, como foi no seu día a ponte de Gundián, que representou un fito na Galicia daquela época. Aínda que o viaduto rompe a paisaxe –tamén a rompeu, no seu momento, a ponte vella– as dúas conforman un conxunto paisaxistico de natureza esgrevia, representado na gorxa do Ulla e as dúas pontes superpostas que representan a modernidade. Para min é unha panorámica marabillosa, digna de contemplar.

A capela de san Sebastián (foto: Rosa)

Aínda cheos de tanta fermosura, toca visitar o Pazo de Galegos ou de Guimaráns. Esta foi residencia do grande historiador e escritor Antonio López Ferreiro (1837-1910), descubridor da tumba do apóstolo Santiago. Aquí cultívanse viños de gran calidade, Rías Baixas, a maioría da produción é para exportar aos Estados Unidos. Puidemos observar unhas cepas de máis de 400 anos, dunha variedade chamada cascón. Explicáronnos a forma de elaboración dos caldos na adega nova e máis na vella. Esta cun lagar de pedra de máis de 400 de anos de antigüidade. Tamén nos convidaron a unha cata que tivo tanto éxito que, acto seguido, alá fomos, a maioría, mercar viño. Este pazo funciona como un pequeno hotel rural e é ideal para pasar unha fin de semana.

Xa no bus, facemos unha pequena parada para ver a capela do Santiaguiño do s. XVIII e a fonte barroca, con gran peso histórico, cunha inscrición sobre o traslado, en 1724, do corpo do Apóstolo Santiago e un relevo que relata parte da lenda do dragón e a raíña Lupa, vinculada ao Pico Sagro. Esta historia do apóstolo é moi idílica, mais moi controvertida.

No cume do Pico (foto: Xelo)

Deseguido encaramos o Pico Sagro, montaña mítica e venerada polos seus habitantes antes e despois do cristianismo e xogando un papel esencial na lenda do apóstolo e a raíña Lupa. Deixamos o bus e gabeamos, un anaco, para chegarmos ao cumio, desde onde podemos divisar as minas de cuarzo ata as torres da catedral de Santiago, vistas impresionantes de toda a contorna. Baixando imos ata a cova dos mouros e capelas de san Sebastián e aí empezamos a especular por onde estarían os protagonistas da nosa novela Maxina, cando se atoparon, pois as sobreiras non estaban e a fonte que había nun pasado, tampouco.

Xa empeza a haber fame e imos cara ao restaurante, onde nos esperan as viandas e despois de dar conta delas, intercambiar impresións e contemplar unha morea de fauna no lugar. Non temos máis que cruzar para encamiñarnos a outro pazo emblemático, esta vez o de Santa Cruz de Ribadulla.

Entrada do pazo de Santa Cruz (foto: Chelo)

Na actualidade pertence ao marqués de Santa Cruz, –este título foi outorgado no 1683 polo rei Carlos III– Alfonso Armada, tristemente coñecido por golpista do 23 F. E cando saíu do cárcere refuxiouse aí. Agora parece que vive en Madrid. Este lugar caracterízase pola profusión e diversidade de camelias e oliveiras. Esta paraxe pertence a un circuíto de xardíns vinculado á cultura da camelia. Destacan o paseo das oliveiras como os das camelias , tamén os buxos, como os fentos australianos, ou unha fervenza. Son uns xardíns para percorrelos devagar e quedar engaiolada cando están as camelias en flor.

Oliveiras no pazo de Santa Cruz (foto: Gerardo)

Os días son curtos e xa imos entre o lusco e fusco ao couto de Ximonde, un dos coutos de salmón máis importantes de Galicia ou de España , hoxe convertido nunha estación ictiolóxica para a cría da troita e o salmón e a repoboación dos ríos. Aquí o que espertou máis curiosidade é que era o lugar onde viña o ditador pescar. O guía explica que entón pechaban o encoro para reter os salmóns e soltalos o día de autos.

Pazo de Santa Cruz de Ribadulla (foto: Rosa)

Para finalizar, visitamos unha destilaría na parroquia de Sarandón, onde o xerente nos explicou con todo luxo de detalles o proceso da destilación da augardente, o ron e a xenebra con importante éxito, xa que están quedando pequenas as naves. Producen co nome de Ruada e Nordés para o mercado español e portugués. Foi unha grata sorpresa constatar que se investiga e innova, nestes tempos de crises, con produtos tan complexos como a xenebra.

Un estanque nos xardíns do pazo (foto: Rosa)


Quixera dicir que foi unha viaxe moi ilustrativa e de grande interese e dar as grazas a Moncho por levala a cabo e ao guía Henrique Neira, por todos os seus coñecementos que tentou transmitirnos.

Bene Freiría