O meu Nome é Morgana.
Morgana de Cornualles. Morgana de Tintaxel. Morgana de Ávalon. Morgana de Camelot.
Morgana, a filla de Garlois. A irmá do rei. A sabia. A druída. A meiga. A fada. A bruxa. A puta.
Chamádeme como queirades. Tanto ten. Son todas e non son ningunha, que en cada unha desas Morganas, e de tantas outras como poidades imaxinar, hai parte da miña esencia, pero eu son máis, moito máis do que a suma ou o seu conxunto.
Eu son Morgana e esta é a miña historia. Contada por min mesma, coa miña voz. A única historia en que me vexo e en que me recoñezo. Por máis que haxa quen lembre doutro modo os feitos.

BcaaamañoAcabada a primeira lectura, imos xa coa segunda. Trátase de Morgana de Esmelle, novela de Begoña Caamaño que levou catro importantes premios: o Premio Ánxel Casal da Asociación Galega de Editores ao mellor libro de ficción, o Premio da AELG á mellor obra de narrativa, o Premio da Crítica de narrativa galega e mais o Premio Antón Losada Diéguez de creación literaria no 2013.

Á reunión levaremos lidas até a páxina 101. Será como segue:

DÍA: 9 de decembro de 2014 (terza feira)
HORA: ás 19.05
LUGAR: aula 32 da EOI de Vigo

Xa para terminar recollemos unhas palabras de Manuel Forcadela sobre a nosa próxima lectura:

Cremos que esta é unha novela importante, destinada a ser obxecto de análise e reflexión por parte da crítica durante moitos anos. Unha novela que ensina e actualiza un modelo de reconstrución das fábulas herdadas e que, desde a humildade de quen sabe que non existe a orixinalidade, opta por reconstruír os relatos mil veces contados desde unha óptica máis acorde cos tempos.

O artigo completo pode verse aquí.