Aníbal e a pintora, de Xabier Paz

Chelo Fontán

                                      Sono sempre fedele alla mia verità. (Artemisia Gentileschi)

                                      Troverai in me l’anima di Cesare nel cuore di una donna.

                                     (A. G. nunha carta dirixida a un mecenas)

A novela é unha relación extensa e exhaustiva da vida de Artemisia Gentileschi, a pintora que, segundo as referencias que hai, foi a primeira muller que viviu da súa pintura e a primeira en ser admitida en l´Accademia delle Arti del Disegno di Firenze, até ese intre só permitida aos homes.

Ela foi o seu primeiro modelo. Co tacto e o reflexo do espello descubriu como se alongan e pregan os músculos do corpo, como mudan as faccións humanas coas emocións. Deste xeito foi á procura da Mestría, o seu devecer sempre era que as súas obras remexesen as emocións do espectador.

Na época Medieval e Renacentísta sería Magistra Artium, posto que foi quen de crear un novo xeito de plasmar no lenzo a arte pictórica.

O libro vai máis aló da pintora e amosa a súa humanidade cunhas experiencias vitais inzadas de grisallos e negros. Sufriu torturas físicas e mentais e a brutalidade atroz dun lobo profanador. Mais a súa afouteza fixo que, cos pinceis e a súa paixón, pasase a ser parte da eternidade.

Aníbal e a pintora, de Xabier Paz

Bene Freiría

 Por segunda vez, no Club de lectura 5.1, achegámonos á obra de Xabier Paz. A primeira foi Renacer e agora Aníbal e a Pintora. O fío que une estas dúas novelas é a arte nas súas diferentes disciplinas, sobre todo a pintura, e tamén os personaxes históricos, a situación das mulleres –sacándoas da invisibilidade– e as relacións humanas. Se en Renacer X. Paz nos mergulla na Venecia do Renacemento, con esta obra somérxenos en Roma, Florencia e Nápoles e na arte barroca por medio de Artemisia, que Aníbal, personaxe amigo do narrador principal da historia, descobre a través do cadro Susana e os vellos. A consecuencia da descuberta é de tal admiración que emprende un labor de pescuda sobre a súa vida.

Artemisia Gentilleschi ou Lomi fórmase como pintora no obradoiro do seu pai, onde destaca, moi cedo, polos seus dotes e talento. Desenvólvese nunha contorna de homes e vese sometida á violencia destes, tanto física como verbal, ata chegar á violación e, como consecuencia, terá que loitar contra esas vexacións para acadar a inocencia, a liberdade, a independencia e amosará un carácter de grande afouteza e carraxe. A pesar dese ambiente hostil é quen de aprender as diversas técnicas dos pintores famosos da época, como a  perspectiva, o sfumato, sombras, vernices, texturas, iluminación, uso da cámara escura como a dos espellos, a mestura das cores e o seu significado…

Xabier Paz, con grande habelencia, soubo transmitirnos este tratado de coñecementos de gran relevancia para entender e contemplar con outra mirada a arte pictórica.

Nesta ocasión (23-I-2018) tamén tivemos o pracer de contar coa presenza do escritor para disertar sobre a novela. O resultado foi moi gratificante e instrutivo.

[PAZ, Xabier (2017): Aníbal e a pintora. Vigo: Edicións Xerais]